A Deputación e a Federación Galega de Parques Empresariais dan comezo con Fecimo á campaña "Vender en galego"

 

A campaña "Vender en galego", impulsada pola Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape) e financiada pola Deputación mediante a liña de dinamización do idioma propio de Galicia, presentouse onte aos comerciantes do Morrazo. Os impulsores desta campaña para estender a lingua propia no eido do comercio e a industria elixiron a sede da federación de comerciantes do Morrazo, Fecimo, para a primeira presentación dun programa que pretende impulsar a concienciación nas empresas e no comercio local para que dean o paso de etiquetar os produtos en galego. Unha parte destacada da campaña é o espazo web www.venderengalego.gal, que pretende poñer á disposición das empresas ferramentas online como tradutores, cursos de galego, dicionarios ou software.

 

O secretario xeral da Fegape, David Sobral, explicou a elección de Fecimo para dar o primeiro paso dentro desta iniciativa "pois é coñecido o seu traballo na defensa do galego". Apuntou que a campaña "Vender en galego" pretende concienciar aos empresarios sobre as oportunidades e vantaxes que xera este idioma tanto á hora de diferenciar os produtos nun mercado cada vez máis uniformado como á hora de acadar un valor competitivo como é a exportación aos países da lusofonía. Desde Fegape lembran que a comunicación no idioma propio é capital para abrir mercados tanto en Portugal como en países de distintos continentes como os emerxentes Brasil ou Angola, pasando pola cidade chinesa de Macau. Neste sentido, destacaron a importancia que ten o etiquetado en galego á hora de proporcionar valor engadido aos produtos de alimentación.

 

Dende o organismo provincial, o deputado Xosé Leal, anunciou que esta campaña se estenderá no tempo co obxectivo de converter o galego en "lingua vehicular do comercio e promover que nos identifique no mercado". Sinalou ademais que con estas iniciativas a Deputación pretende axudar a que o galego "estea presente en todos os ámbitos da nosa vida, que é a maneira de que sexa útil para a sociedade".

 

O presidente de Fecimo, Xosé Bangueses, sinalou que para esta federación o uso do idioma nunca foi unha cuestión a debate, "senón algo natural", e explicou que dende o ano 2000 puxeron en marcha distintas campañas para potenciar a lingua propia tanto a nivel comercial como cultural.

 

Dende a Deputación, Leal pon en cuestión tópicos como que os turistas prefiren que non se etiquete os produtos en galego e insiste en que permite visibilizar mellor a orixe dos produtos propios. Os impulsores da campaña poñen como exemplo o caso dos perfumes ou do whisky, que se publicitan en todo o mundo en francés e inglés respectivamente, para que quede clara a súa orixe como un distintivo de calidade.

 

www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2017/03/22/do-morrazo-lusofonia/1646061.html

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss