O secretario xeral de Política Lingüística reuniuse onte cos empresarios de Ferrolterra para dar a coñecer un programa que se aprobará a finais de ano

 

A Xunta iniciou un traballo de promoción da lingua entre os empresarios galegos que ten todas as claves dunha campaña artesá. Para mostra a viaxe que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo onte en Ferrol. Na sede da directiva da Asociación de Empresarios de Ferrolterra houbo un encontro no que tamén estivo Martín Pita, presidente de Aenor, así como o responsable dos empresarios ferroláns, José Ramón Franco. «Traio este documento e agradecería que aportarades todo o que vexades nel», exhortou ao inicio da xuntanza Valentín García sobre oPlan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020 que está a elaborar a Xunta e que espera aprobar a finais de ano.

Asimesmo, detallou que este documento busca incrementar a presenza do idioma propio de Galicia nas relacións empresariais e comerciais, un ámbito de influencia e prestixio, e que sirva de efecto multiplicador no resto da sociedade. E salientou as «boas expectativas» que esperta o devandito plan, logo de que o deseño inicial do mesmo fora remitido a un importante número de entidades vinculadas ao tecido socioeconómico do país. O responsable de Aenor, pola súa banda, recordou os convenios que se están a firmar coa Universidade de Santiago para traducir as normas sobre calidade, que se poderían artellar coa presentación do novo programa de actuación.

 

Primeira etapa

A intención da Xunta pasa por, nunha primeira fase, recoller todas as achegas posibles desde todos os ámbitos sociais. Neste entorno o encontro de onte súmase á rolda de consultas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a manter con axentes estratéxicos na galeguización do tecido económico galego, e que xa incluíu contactos co Foro Enrique Peinador, con cámaras de comercio, coa Federación Galega de Parques Empresariais, con diversas asociacións e confederacións de empresarios, e coa Irmandade Galega de Adegueiros.

Unha das cuestións que se poñen enriba da mesa nesta rolda de contactos é as oportunidades que o uso do galego pode supoñer en mercados de fala portuguesa. Para reforzar esta idea, a Xunta puxo en marcha a campaña que baixo o título de Exportar en galego está a dar moi bos resultados con países da lusofonía.

O documento establece categorías para a industria, o traballo, o cooperativismo, a banca e tamén o comercio, ademais da industria alimentaria, as axencias de publicidade e entidades intermedias tales como xestorías, asesorías ou despachos de avogados. Leva aparelladas máis de 70 accións, algunhas de carácter transversal e outras orientadas a campos económicos concretos.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2015/10/24/as-empresas-achegaran-ideas-ao-plan-dinamizar-uso-do-galego/0003_201510G24P37991.htm

 

 

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss