O conselleiro de Innovación e Industria e presidente do padroado da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Fernando Blanco, asinou esta mañá en Santiago un convenio de colaboración co presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), Luis Fernández, para a realización do curso PEME Sostible Responsable. A Fundación achegará 113.682 euros para financiar esta actividade formativa, o 100% do custe total.
No curso, que se porá en marcha nun prazo de tres meses, explicarase ás empresas participantes a metodoloxía GRI para a elaboración de Memorias de Sostibilidade para que poidan realizar a súa propia memoria, ademais de orientalas e informalas dos beneficios que achega a actuación das organizacións en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

A RSE é un novo enfoque das empresas para chegar a ser máis competitivas e máis sostibles. Baséase na integración voluntaria por parte dos empresarios das preocupacións sociais e medioambientais nas súas operacións comerciais e nas relacións cos interlocutores e grupos de interese (traballadores, clientes, accionistas, provedores, competencia, administracións e entorno); implicando unha vocación de permanencia e un compromiso da dirección. O obxectivo da RSE é triple: económico, medioambiental e sociolaboral. Implica a apertura do círculo de relación máis alá de accionistas e clientes, así como a voluntariedade de integrarse no territorio onde realiza a súa actividade e colaborar cos axentes máis significativos.

O convenio asinado hoxe encádrase no marco das políticas desenvolvidas pola Fundación para achegar ás PEMES galegas as ferramentas que permitan a integración voluntaria das preocupacións sociolaborais e medioambientais nas operacións empresariais e nas relacións cos seus interlocutores. Neste sentido, a Fundación considera que a Responsabilidade Social Empresarial é un aspecto da estratexia e xestión empresarial moi beneficiosa para as organizacións e que sempre estivo en axenda aínda que é agora cando se manifesta con novos enfoques e adaptada aos tempos actuais.

conselleriaiei.org/ga/upload/dx/not/1674-a-np_convenio_fegape_04_12_08.pdf

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss