A Consellería de Economía e Industria activará un programa orientado a impulsar a mellora competitiva dos parques empresariais e dos recintos de localización preferente de empresas en Galicia, dotado con 3,75 millóns de euros, que se prevé axude a mellorar o funcionamento de preto de 30 parques empresariais e recintos de localización preferente que contan cunha media aproximada de 6.000 empresas.
O director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou hoxe este programa de axudas que “ten como obxectivo motivar o esforzo común a prol da constante mellora competitiva da oferta de solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do emprego local”.

A Consellería de Economía e Industria habilitou un orzamento de 3,75 millóns de euros para fornecer o programa de axudas encamiñadas á mellora das infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente, o que supón un incremento dun 250% con respecto ao aportado pola Administración autonómica a programas similares postos en marcha en anos anteriores, tendo en conta que no 2008 o orzamento foi de 1,5 millóns de euros e no 2009 de 1,4 millóns de euros.

Este programa está orientado a apoiar á industria galega mediante a concesión das axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais dos concellos galegos, de cara á renovación dos mesmos, co fin de evitar a súa obsolescencia e habilitar novas infraestruturas non previstas na orixe da construción destes parques.

Neste sentido, o director xeral de Industria lembrou que as infraestruturas de solo empresarial creadas fai anos, e cun alto nivel de ocupación de empresas, van tendo, como consecuencia do tempo transcorrido, determinadas carencias e novas necesidades en materia de comunicación, enerxía, adecuación ás esixencias normativas posteriores a súa creación e de servizos comúns de carácter xeral, que permitan unha actualización permanente fronte aos competidores.

Deste xeito a Consellería de Economía e Industria, a través deste programa, promoverá actuacións concretas como a execución de proxectos de servizos centralizados de xeración e subministro de enerxía eléctrica e térmica, a depuración de augas e xestión de residuos, a mellora e construción de viais de acceso a parques empresariais, as instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia e a posta en marcha de sistemas de comunicación e ferramentas como portais web de uso común.

Os proxectos acollidos a esta orde contarán cun financiamento do 80% do investimento subvencionable e a data límite para executar estas actuacións e xustificar o correspondente investimento tense establecido no 15 de novembro de 2010.

A Consellería de Economía e Industria está a priorizar, con este programa, a mellora dos parques empresariais de tamaño medio, non incluídos en areas moi industrializadas; de xeito que os parques ocupados con entre 100 e 300 empresas, situados en concellos cunha poboación menor aos 60.000 habitantes e unha superficie entre os 100.000 e os 500.000 m2 serán os máis valorados na concesión das subvencións.

Neste sentido, Tahoces adiantou que coa posta en marcha deste programa será posible mellorar a competitividade e o funcionamento de preto de 30 parques empresariais e recintos de localización preferente, que contan cunha media aproximada de 6.000 empresas.

O director xeral de Industria concluíu que “a Xunta mantén o seu compromiso co desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía e Industria está a facer un esforzo orzamentario para incrementar a dotación deste programa de apoio aos parques empresariais”, que será publicado no DOG nos próximos días para a súa entrada en vigor.

http://www.xunta.es/actualidade?content=/Portal-Web/Contidos/Novas/nova_estandar3609.html
Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss