David Sobral, secretario xeral da Fegape (Federación Galega de Parques Empresariais), recoñece a situación de abandono de moitos polígonos, en parte debido “ao parón provocado pola actual situación de crise económica”, pero tamén por algunha actuación “mellorable” por parte dalgúns concellos. Solicita coordinación entre as administracións para evitar a atomización dos parques, a simplificación dos diferentes organismos promotores e unha maior dotación de servizos que evite a situación na que se atopan moitas zonas industriais de Galicia.

A que cre que se debe este abandono de moitos parques empresariais en Galicia?

A actual situación de crise económica afecta os oferentes e os demandantes de solo empresarial. Debido a isto, os proxectos que estaban planificados sufriron un parón. En canto aos parques xa existentes, cómpre sinalar, aínda que sen xeneralizar, que houbo casos nos que as administracións locais 
desempeñaron, como titulares ou cotitulares do parque empresarial, un papel manifestamente mellorable en canto á conservación e ao mantemento.

Cal sería a solución, daquela?

Por todo isto que dixen antes, é moi importante que, a través das axudas da Xunta de Galicia para parques que acaban de saír, se incremente a colaboración entre estas administracións e o Goberno autonómico.

O problema cos parques empresariais pode ser debido á deixadez das administracións?

En materia de promoción, é comprensible que as maiores dificultades para obter unha rendibilidade mínima dificulten o desenvolvemento dos plans de creación de parques. En todo caso, existe unha multiplicidade de organismos públicos que promoven áreas empresariais. Cremos que sería positivo que o sector público pense en simplificar o actual número de organismos promotores para, dese xeito, aproveitar sinerxias e eliminar ineficiencias.

Hai demasiados parques en Galicia ou precísanse aínda máis?

Depende do ámbito xeográfico de Galicia do que falemos. Na área metropolitana de Vigo é necesario incrementar a oferta do solo empresarial. Noutras partes, como determinadas comarcas de Lugo, non é necesario nestes momentos promover novos parques. En canto á planificación, debemos incrementar a coordinación metropolitana para evitar que os polígonos se creen dun modo atomizado.

O parque empresarial de Vimianzo, que incluso sufriu roubos e leva anos paralizado, é o paradigma do abandono dos polígonos?

Promovido polo SEA (Suelo Empresarial del Atlántico), foi un dos máis caros da provincia da Coruña en canto aos prezos de venda ofertados tras a promoción. Entre outros factores, isto influíu en que non fose unha iniciativa fructífera ata o momento. Cremos que para analizar cuestións coma esta sería positivo crear en Galicia o Observatorio Galego do Solo Empresarial. Deste xeito, poderiamos analizar a evolución dinámica do mesmo, moito máis aló do factor novidoso que supón a promoción e a inauguración.

Como valora as iniciativas que está a tomar esta nova Xunta para reactivar a actividade dos parques empresariais galegos?

En materia de parques empresariais cremos que, no ámbito das súas competencias e na actual conxuntura, a Xunta de Galicia está adoptando e vai implementar, neste exercicio, medidas positivas de cara a impulsar a mellora competitiva dos mesmos. É necesario que as administracións locais aproveiten, na maior medida do posible, as liñas de axuda da Xunta en Galicia que están encamiñadas a mellorar as infraestruturas dos polígonos. Deste xeito, ao ser o espazo no que se asenta o tecido produtivo galego, contribuirán á mellora da competitividade. Mellorando as dotacións e servizos dos parques favorécese o incremento da produtividade da nosa economía.

Resumindo, que lle piden ás administracións para mellorar a situación dos parques empresariais galegos?

Que incrementen a colaboración e coordinación entre elas para poñer en valor o solo dotacional dos parques empresariais, ubicando neles servizos que contribúan á mellora do emprego, a formación, a seguridade e a saúde laboral e a conciliación da vida laboral e familiar. Hai un déficit importante de dotacións como, por exemplo, garderías. En materia de servizos, é necesario implementar un transporte metropolitano eficiente para que traballadores, consumidores, proveedores, clientes e demais usuarios do parque poidan desprazarse dun xeito máis eficiente e sostible.

xornal.com/artigo/2010/04/26/galicia/david-sobral-parques-empresariais-tenen-deficit-importante-servizos/2010042600100201992.html

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss