O programa integrado de emprego posto en marcha na cidade de Vigo pola Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) e financiado pola Consellería de Emprego, Economía e Industria da Xunta de Galicia, logra máis do 65% de insercións no ecuador do programa, cifra que dende o equipo técnico consideran que se vai incrementar ata a finalización do mesmo.
O programa integrado ten como obxectivo conseguir a mellora da empregabilidade e a inserción laboral de persoas desempregadas menores de 30 anos e con baixa cualificación. Contempla tres itinerarios de formación e inserción: certificado de profesionalidade de técnicas administrativas, almacén/loxística e produción.
Para acadar estes obxectivos de inserción, Fegape asinou diferentes convenios con empresas de automoción, mantemento, loxística, infraestruturas e alimentación, as cales fixeron posibles que, na data actual máis de 50 persoas demandantes de emprego conseguisen un contrato laboral. Estas insercións laborais producíronse despois de impartir formación adaptada a estes sectores e a realización de prácticas nas empresas en moitos dos casos.
A Federación Galega de Parques Empresariais, desenvolveu xa na convocatoria pasada un programa integrado de emprego na cidade de Pontevedra, cun balance de máis do 50% de insercións, e prevén que este ano se incremente considerablemente esta cifra, grazas ó dinamismo do actual PIE.