O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na inauguración do curso Experto en xestión de áreas empresariais, que desenvolve a Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape) en colaboración coa Xunta

Indica que a Axenda 20, en liña coa Axenda Industria 4.0, inclúe diferentes modalidades de formación á carta para responder de xeito especializado ás demandas das empresas

O Goberno galego destina 13 millóns de euros para formar a 23.000 traballadores de sectores estratéxicos a través de 1500 cursos

Marnotes apunta que xa está aberto o prazo de solicitude para as unidades formativas na empresa, tanto para desempregados como ocupadosO director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, destacou hoxe en Santiago na inauguración do curso de formación de experto en xestión de áreas empresariais, que desenvolve a Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), en colaboración coa Xunta, a importancia de mellorar a capacitación dos traballadores e traballadoras adaptándoa ás novas esixencias que demanda o mercado de traballo.

Precisamente, Marnotes sinalou que un dos retos principais nos que está traballando o Goberno galego, a través da Axenda 20, é adecuar a cualificación ás demandas do tecido empresarial. Neste senso, puxo en valor o contido do curso que arranca hoxe para a reciclaxe e especialización dos profesionais na xestión interna das entidades xestoras dos parques empresariais de Galicia, para converter estes espazos “en verdadeiros motores do cambio e da mellora da competitividade”.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral detallou que a Axenda 20 para o Emprego, en liña coa Axenda Industria 4.0, inclúe diferentes modalidades de formación á carta, é dicir, adaptada ás necesidades específicas e reais das empresas. Neste contexto, salientou que a Administración autonómica vén de resolver as axudas destinadas a esta formación ás que poderán acceder máis de 23.000 traballadores galegos e autónomos de sectores estratéxicos e emerxentes da economía galega. Trátase do programa de formación para ocupados que conta con 13 millóns de euros para o desenvolvemento de preto de 1500 cursos, unha formación que se imparte en centros e entidades formativas ao longo de todo este ano.


Outra das modalidades que están en activo na actualidade son as Unidades Formativas na Empresa, tanto para desempregados como ocupados. As primeiras convocatorias destes programas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). En global, para estas dúas iniciativas destínanse 6,35 millóns en 2018, a través dos que se cualifica a desempregados con formación á carta na propia empresa, que ten que comprometerse a un mínimo de contratación; e a traballadores de empresas de sectores estratéxicos entre os que se atopa o naval.

Para as unidades dirixidas para desempregados, o prazo de solicitude está aberto ata o 5 de abril e para a iniciativa de ocupados para formar a 1500 traballadores en 500 empresas de sectores estratéxicos rematará o 2 de abril. A estes programas súmase a oferta formativa que a Xunta apoia para persoas desempregadas en centros de formación.

Obxectivos do curso


O curso de formación de experto en xestión de áreas empresariais ten como obxectivo actualizar coñecementos e profesionalizar a figura dos xestores de parques empresariais dotándoos das ferramentas formativas e a cualificación específica necesarias, así como formar a especialistas en urbanismo industrial dentro das organizacións xestoras das zonas empresariais.

Así mesmo, con esta acción que apoia a Xunta preténdese incentivar os procesos de innovación, competitividade e sustentabilidade dos parques empresariais, e, polo tanto, das empresas que os compoñen. Outros retos do curso son dinamizar, potenciar e consolidar a xestión integral en polígonos industriais e crear metodoloxías e protocolos de actuación específicos para aspectos relacionados cos servizos de valor engadido.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/28680/xunta-destaca-programas-formacion-para-mellorar-competitividade-dos-parques-empresariais

 

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss