O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antón Arias, e representantes das confederacións provinciais

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, iniciou hoxe co presidente da CEG, Antón Arias, e representantes das confederacións provinciais a primeira reunión da rolda de contactos para consensuar a futura Lei de implantación empresarial, que se prevé aprobar no mes de outubro.

Tal e como subliñou Conde, a norma busca converter Galicia na comunidade autónoma que dea “máis facilidades para poder investir, con menos trabas burocráticas, máis incentivos e menor fiscalidade”. O obxectivo dos encontros que hoxe botan a andar é, segundo incidiu, que o texto recolla o mellor escenario normativo posible, incorporando as achegas dos diferentes axentes económicos e sociais.

O conselleiro fixo fincapé en que a Xunta traballa para que a creación de emprego vaia vinculada a unha política que fixe tecido industrial en Galicia, para o que é imprescindible o compromiso do empresariado. A reunión celebrada hoxe en San Caetano se centrou en traballar cos empresarios nos eixos que vertebran a proposición de Lei: a simplificación administrativa, o acceso ao solo industrial, as axudas para reducir a fiscalidade empresarial, xunto coa resposta ás necesidades de sectores produtivos concretos.

Así, entre outras medidas, búscase reducir á metade os prazos de tramitación dos proxectos empresariais para axilizar a súa posta en marcha. No tocante ao acceso ao solo, inclúese a posibilidade de desenvolver a urbanización parcial de áreas industriais; e tamén a creación do censo de solo empresarial de Galicia para coñecer as necesidades reais existentes. Ademais, incorpórase unha medida para facilitar o pago aprazado e sen xuros na compra de solo público, ao tempo que se recollen iniciativas que xa se están en marcha como as bonificacións na venda de solo público nos parques empresariais.

No ámbito da redución da fiscalidade empresarial, activaranse incentivos ás propias empresas para asumir tributos autonómico, así como incentivos aos concellos a través da súa adhesión ao convenio proposto pola Xunta á Fegamp. Así, para ser Concellos Doing Business, as administracións locais ofrecerán bonificacións de ata o 95% nos seus impostos, así como a eliminación de taxas vinculadas coa industria, mentres que a Xunta establecerá medidas específicas que inclúan axudas para o desenvolvemento empresarial nestes concellos.

Coa normativa que se está a tramitar, favorecerase o desenvolvemento económico do tecido empresarial galego e a creación de emprego de calidade, consolidando deste xeito a Galicia como unha terra de oportunidades.

http://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/24059/conde-inicia-coa-ceg-rolda-contactos-para-consensuar-futura-lei-implantacion

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss