A campaña, financiada con apoio da Deputación de Pontevedra, foi presentada esta mañá pola Federación Galega de Parques Empresariais

 

A sede de Fecimo en Cangas acolleu esta mañá a presentación da campaña "Vender en galego" impulsada pola Federación Galega de Parques Empresariais e financiada a través da liña de dinamización do galego convocada no pasado exercicio polo departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra. Na presentación estiveron presentes o secretario xeral de Fegape, David Sobral, o presidente de Fecimo, Xosé Bangueses, a xerente de Fecimo, Mar Lorenzo, e o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Durante a presentación, o deputado aproveitou para anunciar que esta liña de axudas, iniciada no ano 2016, terá continuidade no presente exercicio "para que o galego estea en todos os ámbitos da nosa vida, que é a maneira de que sexa útil para a sociedade". Leal parabenizou tanto a Fegape como a Fecimo por incluír "o galego como lingua vehicular do comercio e  promover que nos identifique no mercado"

 

"Vender en galego" é unha campaña baseada en información impresa para impulsar a concienciación nas empresas e no comercio local para a etiquetaxe de produtos en galego. Inclúe ademais o espazo web www.venderengalego.gal co obxectivo de fornecer ás empresas de ferramentas online para os procesos de comercialización como son tradutores, cursos de galego, dicionarios ou software. "Trátase de concienciar sobre as oportunidades que o uso do galego xera nas empresas á hora de diferenciarse no mercado exterior e o valor competitivo en relacións con países de lingua portuguesa" asegurou David Sobral. Desde Fegape consideran que a comunicación do produto no noso idioma é importante para abrir mercados nos cinco continentes, en países como Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, Timor Leste e Macau por ter o portugués como lingua oficial,  ou en países con importantes comunidades lusófonas como os Estados Unidos, Canadá, África do Sur, Francia, Luxemburgo ou Xapón. Neste sentido, Sobral indicou que "a lingua é unha ferramenta que está ao servizo das empresas e dos seus traballadores e pódenos axudar a chegar a moitos mercados, que nos axuda a diferenciarnos e a ser máis competitivos". Tamén afirmou que "debemos valorar o galego como un valor engadido no exterior, xa que produtos galegos no campo da gastronomía ou do viño don unha garantía de calidade".

 

Pola súa banda, o presidente de Fecimo, Xosé Bangueses, como representante dunha das federacións asociadas en Fegape insistiu en que o uso da lingua nunca debe ser unha cuestión a debater, e quixo salientar que desde o Morrazo levan realizado desde o ano 2000 diversas campañas en galego tanto a nivel comercial como cultural. Unha especial sensibilidade para utilizar o idioma que Fegape quixo poñer en valor presentando esta campaña na súa sede de Cangas.

 

Fegape conta con 10 asociacións e entidades asociadas na provincia de Pontevedra: Asociación de Empresarios de A Pasaxe, en Gondomar; Asociación de Empresarios de Areas, en Tui; Asociación de empresarios de As Gándaras, en O Porriño; Asociación de Empresarios de O Campiño, en Pontevedra; Asociación de Empresarios do Polígono O Salnés; Consorcio da Zona Franca de Vigo; Entidade de Conservación de Pemos, en Mos; Entidade de Conservación de A Granxa, en O Porriño; Entidade Urbanística de Conservación do Parque Empresarial e Loxístico de Vigo; e Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – Fecimo.

 

www.depo.es/web/edepo/-/noticia-a-campana-%E2%80%9Cvender-en-galego%E2%80%9D-promove-o-uso-da-lingua-como-elemento-diferenciador-e-competitivo-no-mercado

 

 

 

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss