O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo mantivo esta mañá unha xuntanza con representantes da Confederación de Empresarios de Galicia

 

A Xunta de Galicia iniciou hoxe os contactos cos axentes sociais dirixidos á próxima constitución do Observatorio de Solo Empresarial, que creará a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

 

Con ese obxectivo, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, reuniuse hoxe con David Sobral Pidre, membro do Comité Executivo da Confederación de Empresarios de Galicia e secretario xeral de Federación Galega de Parques Empresariais, e con Xosé Antonio Neira, director do departamento de Relacións Laborais e Asesoría Xurídica da Confederación de Empresarios.

 

Na reunión, Heriberto García explicou as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para facilitar a implantación das empresas nos parques empresariais autonómicos, como son as bonificacións do 30 ou 50 por cento do prezo de venda e a adxudicación en dereito de superficie, que permite ás empresas acceder ao solo empresarial pagando un reducido canon anual e centrando os seus investimentos iniciais nos procesos produtivos.

 

Grazas ás medidas adoptadas pola Xunta, dende 2015 adxudicáronse máis de 728.000 metros cadrados de solo, o que supón un incremento notable respecto dos anos anteriores e regresar a un volume de adxudicación anual similar ao do ano 2008.

 

Actualmente a meirande parte das empresas adxudicatarias de solo bonificado están desenvolvendo xa o seu plan de negocio, construíndo as súas instalacións ou redactando proxectos, xa que a bonificación está condicionada a rematar as instalacións e obter a licenza de actividade no prazo máximo de tres anos dende a sinatura da escritura de compravenda.

 

A reunión de hoxe serviu para presentar á Confederación de Empresarios de Galicia o futuro Observatorio de Solo Empresarial no que está a traballar o Instituto Galego da Vivenda e Solo. A esta reunión seguirán outras con todos os axentes sociais interesados.

 

O Observatorio de Solo Empresarial terá como obxectivo facilitar e coñecer a realidade en cada momento sobre o solo empresarial en Galicia e asesorar ás administracións públicas galegas para o desenvolvemento das súas políticas de solo, así como avaliar o seu impacto.

 

 

http://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/0868/xunta-inicia-rolda-contactos-cos-axentes-sociais-para-constitucion-observatorio

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss