O conselleiro José Manuel Rey Varela mantivo hoxe no Porriño (Pontevedra) unha reunión coa Federación Galega de Parques Empresariais para avanzarlles esta nova achega da Administración autonómica a prol da conciliación

 

Rey Varela explicou aos empresarios que se trata dunha “medida pioneira en Galicia, que proporcionará un mínimo de 451 novas prazas de atención á infancia e que permitirán avanzar no desenvolvemento de medidas de conciliación de modo que as familias poidan disponer dun lugar para a atención dos seus fillos e fillas preto do seu posto de traballo”.

Así mesmo, estas novas escolas contribuirán ao aumento de produtividade das empresas e a que estas melloren a súa posición no mercado a través dunha mellor administración do seu capital humano e da promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

O titular autonómico indicou aos presentes que poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións empresariais ou entidades representantes dun parque empresarial ou polígono industrial, a título individual ou agrupadas que reúnan os seguintes requisitos: desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia; dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil no polígono industrial ou nas súas inmediacións; achegar un estudo que reflicta que existe un mínimo de 50 nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as (incluídos os/as non nados/as e en proceso de adopción); e presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

A través desta convocatoria subvencionarase a realización do proxecto, o acondicionamento da parcela e a construción ou reforma dun inmoble para a creación da escola, así como o seu equipamento, incluíndo o mobiliario e o material didáctico e de xogo

No tocante ás características das escolas infantís a crear, estas constarán cun mínimo de tres unidades e 41 prazas. Así mesmo, a parcela onde se empracen estará separada da actividade industrial, preferentemente nunha zona axardinada que protexa o edificio das condicións exteriores, e non estará adosada a naves ou establecementos susceptibles de actividades perigosas.

Rey Varela desatacou o importante investimento que realizará a Xunta de Galicia en colaboración co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020), xa que a convocatoria conta cun orzamento total de 2.343.468 euros distribuídos en dúas anualidades, correspondendo 585.867 euros ao ano 2016 e 1.757.601 ao ano 2017.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, prestando atención, ademais de ao número de persoas traballadoras do polígono industrial ou parque empresarial, ao número de fillos/as menores de tres anos destes traballadores/as, á adecuación do número de unidades da escola proposta ao número de nenos/as potenciais usuarios/as así como á porcentaxe de persoas traballadoras menores de 45 anos, entre outros criterios. Tamén, para contribuír á racionalización dos recursos públicos, recibirán puntuación as solicitudes conxuntas para a posta en marcha dunha escola infantil que dea cobertura a máis dun parque empresarial ou polígono industrial. As axudas poderán solicitarse a partir de mañá e durante o prazo dun mes.

Os e as empresarias presentes saudaron esta iniciativa que promove a conciliación e que ademais complementa outras medidas da Consellería de Política Social como a Rede de Escolas Infantís, o financiamento de preto de 2.700 prazas en escolas infantís de iniciativa social (convocatoria dotada con 3.067.000 euros), o programa Bono Concilia do que poderán beneficiarse ao redor de 2.400 familias ou a posta en marcha de Casas niño no rural co que se espera crear 30 casas niño que ofertarán un total de 150 prazas. En palabras do secretario de FEGAPE, David Sobral “con esta nova medida da Consellería de Política Social dáse resposta a unha demanda histórica dos parques empresariais de Galicia, contribuíndo de xeito decisivo a una mellor conciliación da vida laboral e familiar”.

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss