Representantes de parques empresariais e polígonos presentan propostas ao novo plan de dinamización da lingua

O 70 % do viño que se produce na comunidade está etiquetado en galego. E o 25 % vai directamente dedicado á exportación. É dicir, a lingua galega non diminúe a capacidade comercial, senón todo o contrario. «O viño galego etiquetado en galego é máis galego», apunta o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Este é un dos argumentos que a Xunta traslada estes días aos empresarios na rolda de contactos que está a manter con distintos sectores para recoller achegas ao Plan de Dinamización da Lingua Galega no Ámbito Socioeconómico 2015-2020, un documento que estará aprobado antes de finais de ano.

O texto conta de momento con 71 actuacións, pero poderanse incorporar ou modificar outras, despois de analizar todas as propostas presentadas. Onte tocoulle o quenda aos representantes da Federación Galega de Parques Empresariais de Galicia, e á Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, que se reuniron co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e con Valentín García.

Unha das propostas que se puxo enriba da mesa por parte dos empresarios foi a galeguización dos certificados de calidade, como os ISO, que teñen que tramitarse en castelán. A Xunta comprometeuse a reunise con Aenor, a empresa encargada de estes certificados, para que a documentación poida estar en galego. Agaleguización do tecido económico da comunidade é dispar. Así, mentres o sector do viño é un exemplo no que se refire á etiquetaxe, o da conserva non tanto, «e debería aproveitar este tirón, porque etiquetando en galego loita mellor cos produtos que veñen de fora», apunta o secretario xeral. Entre as máis de 70 propostas que recolle o borrador do plan aparecen premios de recoñecemento; medidas para promocionar a etiquetaxe en galego; deseño de materiais de uso polo cliente; promocionar o galego na imaxe e comunicación dos establecementos de hostalería; ou instituír o Día da Galeguidade Empresarial.

Un dos valores engadidos que se puxo de manifesto no uso do galego foi a vía de comunicación internacional que abre en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano. «Ábrenos a porta a 250 millóns de falantes, e estámolo notando», explica Valentín García. O plan que onte se lle presentou á federación de parques empresariais e á asociación de empresarios do Tambre, en Santiago, xa se deu a coñecer a máis entidades vinculadas ao tecido socioeconómico, como o foro Enrique Peinador ou as cámaras comercios. En total xa foron 25 as entidades que propuxeron achegas ao documento.

Pesimistas datos do IGE

O plan de dinamización do galego no tecido socioeconómico anunciouse en febreiro, despois de que se fixeran públicos uns datos do Instituto Galego de Estatística que reflicten que a lingua propia da comunidade esmorece cos vellos, é dicir, que a xente máis nova, pese a coñecela e ter un bo dominio do galego ao estar completamente inserida no sistema educativo, cada vez a emprega menos e de feito aumenta moito o número de monofalantes en castelán.

García asegura que a valoración do galego entre os empresarios é boa, así como a das propostas que recolle o documento, «pero senten que precisan o apoio da Administración e dos potenciais clientes». Ante o temor do sector a que os produtos se rexeiten por levar a etiquetaxe en galego, por exemplo, a Xunta aposta por crear unha demanda na sociedade, «un mercado que demande produtos en galego», conclúe o responsable da política lingüística da Xunta. En ningún caso inclúe o documento medidas coercitivas, como nalgún momento se pretendeu en Cataluña, «senón para que se dean pasos, pero sen interferir no libre comercio». O obxectivo é aumentar a presenza do galego non so no sector económico «senón que xere un efecto multiplicador».

fonte: lavozdegalicia.es

 



Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss