Domingo 1 de marzo de 2015

 

A economía española iniciou un novo ciclo a finais do ano pasado. Un cambio de tendencia que se reflexou nos últimos datos de crecemento do PIB, coñecidos esta semana, cunha subida do 1,4% en 2014 e, tamén, nas previsións para este ano no que o avance podería alcanzar o 2,7% segundo as estimacións. En 2014 todas as comunidades autónomas rexistraron tasas de crecemento positivas aínda que, eso sí, estes incrementos presentaron fortes variacións en función de cada territorio. O crecemento esperado se reparte de forma moi distinta dependendo da zona xeográfica no que se encadre. En 2014 o PIB galego medrou un 0,4%, un punto menos que o crecemento do PIB no conxunto da economía española. No relativo ó presente 2015, os pronósticos non parecen especialmente bós para Galicia, que crecerá por debaixo da media española segundo as previsións. Frente a un crecemento do PIB español que pode alcanzar o 2,7% no presente ano, as estimacións actuais sinalan que a economía galega non superará o 2,3%, o que suporá que un ano máis a economía galega non avanzará na converxencia con España.

Cabe sinalar que mentres a economía española seguirá en 2015 acelerando o seu ritmo de crecemento gracias ó tirón da demanda interna, novo protagonista da recuperación en detrimento do sector exterior, a galega volverá a facelo con menos forza que aquela, polo que se volverá a ensanchar o diferencial entre a economía de Galicia e a do conxunto de España. É destacable que o dato do crecemento do PIB en 2014 do 0,4% supón menos da metade do 0,9% previsto pola Xunta de Galicia. Con todo, este dato do PIB non é o único no que Galicia mostra cifras peores que as do conxunto da economía española. Nese senso, en relación a 2014, cabe suliñar que as exportacións galegas caeron un 3,2% mentres que en España subiron un 4,1%. Outro dato negativo do ano pasado foi a caída da facturación da industria galega nun 3,4%, cifra que tamén contrasta coa subida do 0,9% neste indicador que se produxo no conxunto da economía española. Para que se corrixa esta diferencia entre a evolución dos indicadores económicos de Galicia e do conxunto de España é necesario que, entre outros factores, se produza un cambio moi significativo no que atinxe á demanda interna de Galicia. É necesario impulsar o consumo interno neste 2015 e en favorecer que isto aconteza deben centrarse os esforzos de política económica na nosa comunidade autónoma.

Sen dúbida, o elemento máis esperado dunha recuperación económica é a creación de emprego. Galicia foi en 2014 unha das tres comunidades autónomas nas que se destruiu emprego ó baixar a poboación ocupada un 0,22%, dato qu difire do crecemento dun 2,53% desta variable que se produxo a nivel nacional. É necesario impulsar actividades e negocios de alto valor engadido e forte productividade para avanzar en empregos estables e con bos salarios. Para que iso aconteza, é necesario que en 2015 non se produza unha baixada da producción industrial galega tan significativa como a dun 4% acontecida o pasado ano.

© Fegape, 2015.

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss