Política Lingüística e a Federación Galega de Parques Empresariais impulsan unha web que axuda ás empresas a achegarse a un mercado potencial de 217 millóns de persoas

Uns 217 millóns de falantes espallados por todo o mundo, desde Timor oriental ou Macao, en Asia, ata Angola ou Mozambique, en África, pasando por Brasil, da outra beira do Atlántico, á parte do país veciño. Non todas as linguas poden presumir diso, pero si o portugués, idioma que ten moitos vencellos co galego, xusto o aspecto que queren explotar a Xunta e a Federación Galega de Parques Empresariais para animar ao empresariado a usar o galego. Ámbalas dúas entidades están convencidas da "vantaxe empresarial competitiva" que supón para as compañías galegas contar cunha lingua que lles facilita a entrada aos países de ámbito lusófono e por iso mesmo impulsaron, dentro das accións estratéxicas que desenvolve o Executivo galego para a promoción das relacións cos países de fala portuguesa, a campaña "Exportar en galego", que enfatiza a lingua galega como "un valor e un activo no establecemento de relacións comerciais".

Abondando nesta idea, onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou na Cámara de Comercio de Tui dúas ferramentas novas: a plataforma www.exportarengalego.gal e o buscador Paz-Andrade, ámbalas dúas, como sinala a Xunta, orientadas a amosar o potencial do galego como "elemento facilitador dunha comunicación fluída, peza chave", argumentan, "en calqueira proceso de internacionalización".

O responsable de Política Lingüística da Xunta evocou o exemplo do empresario e galeguista pontevedrés Valentín Paz-Andrade nun acto que tamén contou coa presenza do seu fillo Alfonso Paz-Andrade, para asegurar que "o dominio do galego pode favorecer, en países emerxentes cun peso económico cada vez máis importante, esa comunicación áxil e xeradora de confianza que tantas veces é determinante á hora de pechar un negocio". Tamén se referiu a Paz-Andrade coma un "exemplo" inspirador David Sobral, secretario de Fegape.

Por se os millóns de potenciais clientes non son dabondo e fan falla máis argumentos para convencer aos empresarios das bondades da lingua de Rosalía para os negocios, a Fegape lembra que, segundo os datos do ICEX, as exportacións galegas aos países da lusofonía representaron unha media de entre o 12 o 17%, segundo o ano, dende 2011, sobre todo cara Portugal, Brasil e Angola e, en menor medida, pero de xeito crecente, a Mozambique.

David Sobral pon de relevo que o portugués "é a lingua máis falada no hemisferio sur" e ten unha presenza importante en internet (máis de 80 millóns de usuarios), outro dos novos escenarios do comercio mundial. E ademais, engade, é a lingua de países emerxentes como Angola, cuxo PIB medrou en torno a un 10 por cento. "E vemos moita presenza de Angola en Portugal, e tamén podería haber unha inversión aquí porque Galicia ten esa vantaxe do idioma que non teñen outras comunidades autónomas", alega.

"Nós vemos que o galego é unha opción intelixente que hai que incorporar e que ten que ter presenza día a día no tecido produtivo", reivindica Sobral. O obxectivo da Fegape coa súa aposta polo galego e esta nova plataforma é tentar, por unha banda, mellorar as exportacións, xa que, advirte, baixaron un 3,2% o ano pasado e, segundo sinala referíndose ás conclusións do IGE, unha posible explicación é que "hai que darlle un pulo ás exportacións aos países emerxentes" e cre que o galego pode ser porta de entrada para a India ou China dende Macao e tamén para outros como a xa mencionada Angola ou Mozambique. Fegape agarda, coa nova web, aportar "un gran de area significativo" para acadalo e Sobral lembra que os sectores onde as empresas galegas teñen oportunidades son "todos", porque nalgúns países "está todo por facer e medran de xeito exponencial".

Asemade destaca que a meta de Fegape é que a industria galega teña un 20% de peso no PIB para poder elevar a porcentaxe de poboación ocupada e para iso, di, "hai que fomentar a internacionalización e o galego". "Vemos as estatísticas que falan da situación do idioma e cremos que debería subir, non só como un tema identitario, senón como unha oportunidade de mellorar" nos negocios, afirma.

Ao tempo, a páxina presentada onte tamén tira para Galicia noutro eido, o de tentar "atraer investimento á comunidade", explica. Por iso a web contén enlaces á propia Fegape, a Xestur e SEA (empresas públicas que xestionan solo industrial), á Zona Franca de Vigo ou a SEPES. De feito, explica, está tamén en portugués para que os empresarios deses países "teñan facilidade á hora de analizar os parques empresariais" existentes en Galicia "e a súa ubicación".

O empeño da Fegape co galego, apoiada pola Xunta, ven de atrás. Primeiro fixeron a campaña "O galego, chave para os teus negocios no mundo" e logo, en 2013, botou a andar "Exportar en galego" coa publicación dunha "Guía para a exportación a países de lingua portuguesa". Non obstante, sinala, os empresarios suxeríronlles unha iniciativa en liña, que presentase información económica vencellada a esta aposta de xeito "dinámico" e exportarengalego.gal é o resultado.

fonte: farodevigo.es/galicia

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss