A secretaría xeral de Política Lingüística e a Federación Galega de Parques Empresariais tentan facilitarlle ás empresas ferramentas para dar o salto máis aló das fronteiras estatais

Ademais de sementar a idea entre as empresas das portas que abre o galego á hora de dar o salto máis aló das fronteiras estatatis, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Federación Galega de Parques Empresariais tentan facilitarlle aos interesados ferramentas para facelo posible. Por iso onte se presentou tamén, xunto á plataforma exportarengalego.gal, o buscador asociado á web, bautizado como Paz-Andrade en homenaxe ao empresario e galeguista.

Esta ferramenta, unha das primeiras medidas vencelladas coa iniciativa lexistativa Paz Andrade que rematou en lei aprobada pola Cámara galega, non é un motor de busca convencional, como sinalan dende a Fegape, senón un metabuscador que permite a procura de "conceptos de interese económico financeiro nos países da lusofonía" con máis de 700 fontes especializadas no sector empresarial, abranguendo dende institucións gubernamentais a portos e aduanas, pasando por bancos, universidades, apoios económicos ou medios de comunicación. Por exemplo, explican, se un empresario desexa coñecer os portos de Angola só tería que procurar "portos Angola" e aparecerían automaticamente todas as referencias existentes vencelladas a esa materia. É dicir, o Paz-Andrade está deseñado "especialmente" para as empresas que queiran achegarse aos países de fala portuguesa para internacionalizar os seus negocios. Segundo a web, aporta tamén información sobre estatísticas, publicacións, eventos e elementos sobre quen é quen nas áreas onde se está a producir a información".

Malia a todas as funcionalidades que ten xa, Fegape non descarta incorporarlle máis. Mesmo, sinalan dende esta organización, "dar un paso máis cara a posibilidade de plantexar análises sectoriais de oportunidades de negocio concretas en sectores concretos de cada país". Inda máis, a aposta de Fegape sería crear un observatorio ou organismo permanente que adopte como obxectivo principal unha estratexia de desenvolvemento da economía galega no mundo da lusofonía.

Ademais do buscador, a web ofrece una sección para cada país cos principais indicadores e os sectores con maior interese de inversión que irá "actualizándose", e diferentes ferramentas e recursos de interese, dende aspectos luingüísticos ata apoios á exportación das institucións.

fonte: farodevigo.es/galicia

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss