Domingo, 15 de febreiro de 2015

 

A campaña “O galego, chave para os teus negocios”, foi a primeira iniciativa posta en marcha pola Federación Galega de Parques Empresariais en colaboración coa secretaría xeral de Política Lingüística, para promover a utilización do galego como lingua dos negocios tanto dentro coma fóra de Galicia. Alén das vantaxes evidentes de utilizar o galego nos negocios desenvolvidos na nosa comunidade autónoma, dita campaña subliñaba e potenciaba as funcións do galego como lingua internacional e vía de comunicación para a internacionalización nos negocios. O galego é un valor cultural que nos identifica como pobo, mais tamén nos conecta cunha comunidade maior de 200 millóns de persoas que falan portugués xa que permite a intercomprensión sen necesidade de mediación. Este valor cultural transfórmase en valor económico cando falamos de negocios e de elementos tan importantes para estes como a comunicación. O galego non só permite a comunicación coa Lusofonía, senón que xera o clima de confianza que proporciona comunicarse sen intermediacións.

 

As empresas galegas son cada vez máis conscientes da necesidade de internacionalizaren a súa actividade e de procuraren novos mercados para ofrecer os seus produtos e servizos. Á hora de emprender o camiño da internacionalización moitas empresas xa se decataron de que o galego é un factor que suma: unha vantaxe competitiva que serve para situar as súas empresas de forma diferencial en mercados moi competitivos. En contraposición a uns mercados europeos paralizados ou cando menos ralentizados pola crise, novos lugares para facer negocios emerxen en mérica Latina e África. Dúas das economías máis vigorosas neses dous contextos son a brasileira e a angolana. Economía, lingua e cultura únense neste contexto para facilitaren a comunicación do empresariado galego en novos lugares nos cinco continentes: Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, Timor Leste, Macau (China) e Goa (India). Por elo, unha segunda campaña denominada Exportar en Galego foi desenvolvida pola Fegape e a secretaría xeral de Política Lingüística. A través dese proxecto conxunto mostrouselle ó empresariado as vantaxes competitivas que presenta o galego nos países de fala portuguesa ofrecéndolle ferramentas necesarias para establecer relacións comerciais con eles a través da edición e distribución da Guía para a exportación a países de lingua portuguesa.

 

Este venres 20 de febreiro a secretaría xeral de Política Lingüística e Fegape darémoslle un pulo a esta colaboración coa presentación e lanzamento de exportarengalego.gal, unha plataforma activa en liña que ofrecerá información de caracter económico e empresarial centrada nos países lusófonos e que terá como obxectivo principal contribuir a impulsar a competitividade e internacionalización do tecido productivo de Galicia. A plataforma incluirá ó buscador Paz Andrade, un auténtico banco de datos con información específica sobre mercados, sectores de actividade e oportunidades de negocio. Deste xeito, con exportarengalego.gal, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Parques Empresariais queremos salientar que o galego é unha opción intelixente cando falamos de exportación e de acceso a novas oportunidades de negocio a nivel internacional.

 

© Fegape, 2015.

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss