A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Galega de Parques Empresariais promoven a campaña presentada  en San Cibrao das Viñas polo secretario xeral de Política Lingüística

‘Exportar en galego’ conciencia o empresariado galego da vantaxe competitiva que supón a lingua propia de Galicia no ámbito da Lusofonía

San Cibrao das Viñas (Ourense), 12 de abril de 2013.- A Xunta de Galicia presentou esta mañá a campaña “Exportar en galego”, promovida pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE). O obxectivo principal desta nova iniciativa dirixida a promover o uso do galego no ámbito dos negocios é concienciar o empresariado galego de que a lingua propia de Galicia supón, para a exportación, unha vantaxe competitiva nos países de fala portuguesa.

Ao acto, que tivo lugar no Edificio Multiúsos do Polígono de San Cibrao das Viñas, asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o cónsul honorario de Brasil en Galicia, Francisco Vispo Peiteado; o secretario xeral da FEGAPE, David Sobral Pidre; o responsable da Comisión de Comercio Exterior da Asociación de Empresarios de San Cibrao e mais o representante de CEO Galipad Consulting, Nicolás Vaqueiro Gradín. Tamén estivo presente a xefa territorial de Cultura e Educación na provincia, Mª Mercedes Gallego Esperanza.

García Gómez animou aos empresarios e empresarias a aproveitar as vantaxes que lles supón contaren cunha lingua propia próxima ao portugués nos seus negocios “porque o galego é unha oportunidade, o vínculo que nos conecta con novos espazos e novos mercados, nomeadamente mercados emerxentes de fala portuguesa como Brasil ou Angola, onde o galego nos demostra e nos fai plenamente conscientes, tamén no eido dos negocios, da riqueza lingüística do noso idioma e das potencialidades comunicativas que nos ofrece fronte a outras comunidades lingüísticas”.

Para o secretario xeral unha das vantaxes das empresarias e dos empresarios galegos é que “polo feito de falar a lingua galega xa posúen uns coñecementos que lles facilitarán introducirse en mercados de gran relevancia. Só coidando e mellorando un chisco o seu galego poden desenvolver unha estratexia que lles permita introducirse nese enorme espazo económico, social e cultural que é a Lusofonía; non só pola proximidade lingüística entre o galego e o portugués, senón tamén polos códigos da cultura tradicional galega que transmiten información facilmente recoñecible para os máis de 200 millóns de falantes de portugués que hai no mundo.”

‘Exportar en galego’
“Exportar en galego” dálle continuidade á campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo”, que puxeron en marcha conxuntamente Política Lingüística e mais a FEGAPE no ano 2012 co fin de promover a utilización do galego como lingua dos negocios tanto dentro coma fóra de Galicia.

No marco da campaña farase unha distribución da Guía para a exportación a países de lingua portuguesa a entidades de carácter económico e social de Galicia. A guía, que xa está accesible no web www.xunta.es/linguagalega, inclúe os principais datos demográficos, socioeconómicos e políticos dos países lusófonos, así como ligazóns de interese con información de utilidade para as empresas interesadas en estableceren relacións empresariais nestes territorios.

Deste xeito, será máis doado para as empresas iniciaren accións de exportación ou internacionalización nos países de lingua portuguesa: Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Sao Tomé e Príncipe, Portugal ou Timor Leste, así como dúas rexións da India e da China bastante descoñecidas para a economía galega como son Goa e Macao, de interese empresarial para o ámbito galego por seren territorios lusófonos de alto desenvolvemento económico.

Con “Exportar en galego” a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a FEGAPE queren salientar que a nosa lingua propia é a escolla intelixente cando falamos de exportación e de acceso a novas oportunidades de negocio a nivel internacional. Esta nova acción entronca coas directrices estratéxicas emanadas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) que sinalan dentro do ámbito económico que, dado que a proximidade lingüística cos países lusófonos favorece a intelixibilidade do noso idioma na relación comercial cos países veciños, cómpre incidir na atención ao mercado portugués.

Toda a información no web http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/6586/xunta-galicia-promueve-uso-del-gallego-como-oportunidad-negocio-nivel-internacional

http://www.xunta.es/linguagalega/exportar_galego.

 

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss