A Consellería de Traballo e Benestar financia, cun total de 9,2 millóns de euros, a contratación de 375 axentes de emprego e unidades de apoio co fin de dinamizar o mercado laboral, implantar políticas activas de emprego e promover a cultura emprendedora. En concreto, as entidades beneficiarias destas subvencións son as administracións públicas, distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro. Así, entre as 211 entidades que poderán contar con axentes de emprego están asociacións empresariais, cámaras de comercio, universidades ou sindicatos. A resolución destas axudas será comunicada ao longo dos próximos días a todos os beneficiarios o que permirtirá iniciar as contratacións.


A función principal dos axentes de emprego consiste en colaborar na implantación de políticas activas de emprego. Deste xeito, xestionarán axudas para favorecer o emprego especialmente de cara aos colectivos con máis dificultades-, informarán ás empresas dos instrumentos de promoción e fomento da competitividade ou promoverán a cultura emprendedora e os proxectos de autoemprego individual. Tamén comunicarán e facilitarán o acceso ás axudas á formación, ou traballarán na identificación das necesidades de persoal das empresas a curto e medio prazo. Para levar a cabo a súa labor, poderán contar con unidades de apoio, que serán coordinadas por eles, compostas polo persoal necesario para prestarlles asistencia. De feito, as subvencións financiarán os custos salariais e da Seguridade Social tanto dos axentes de emprego como das unidades de apoio.

En total, dos 375 traballadores que se contratarán a través destas axudas, 294 son axentes de emprego e 41 son persoal das unidades de apoio. Ademais, os 9,2 millóns permitirán prorrogar un total de 295 contratacións xa vixentes das 375, que se suman ás 80 novas contratacións.

traballo.xunta.es/contenidos/gl/portada/noticias_destacados/15666

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss