O concelleiro de Vías e Obras do Concello de Porriño, Pedro Pereira, felicitouse da obra de rehabilitación levada a cabo pola Asociación de Empresarios das Gándaras nun área recreativa do Parque Empresarial das Gándaras, si ben quixo indicar que este tipo de actuacións deben facerse extensibles ás zonas verdes que as distintas empresas teñen diante das súas parcelas. “O que a Asociación de Empresarios das Gándaras ven de rehabilitar é un espazo de aproximadamente 80 metros cadrados que non da só servizo aos peregrinos, que adoitan parar no barrio de Orbenlle, senón ás empresas de loxística e camioneiros que empregan este espazo como área de descanso".


"Desde o Concello do Porriño vemos positiva esta actuación, mais pedímoslle á Asociación de Empresarios que extenda a mesma á fronte de cada parcela, instando ás súas empresas a manter limpas as zonas verdes existentes diante de cada unha das parcelas do polígono”, afirmou o concelleiro. Pedro Pereira pediu á Asociación de Empresarios que se poña en contacto cos seus asociados para que manteñan en bo estado de conservación os espazos públicos que están a ocupar no polígono, “uns espazos públicos que empregan as empresas como aparcamento e que tamén precisan obras de mellora”, sinalou.

O concelleiro de Vías e Obras quixo destacar a súa predisposición a colaborar coa Asociación de Empresarios das Gándaras neste ou noutros temas, si ben indicou que a actitude da Asociación vólvese por veces obstruccionista, como no caso da financiación da obra de acceso norte ao polígono, “onde a Asociación de Empresarios renunciou a facer fronte á parte comprometida para levar a cabo esta obra”, afirmou Pereira.

O Concello de Porriño recoñece que son necesarias melloras nos servizos do parque empresarial, “e estas melloras estanse a realizar, como é o caso do acceso sur ao polígono, obra cofinanciada coa consellería de Industria da Xunta de Galicia. Mais desde o Goberno queremos lembrar que a Asociación exerceu presión cos diferentes grupos políticos para que o polígono fose recepcionado polo Concello, cando este Goberno sempre defendeu que as melloras necesarias para paliar as deficiencias do polígono debían ter sido asumidas pola SEPES (Entidad estatal de Suelo) antes de terse efectuado a recepción” declarou o concelleiro porriñés. “Asociación de Empresarios e Concello do Porriño deberiamos ir xuntos da man para solicitar inversións doutras administracións, e non actuar por libre como están a facer os empresarios”, proseguiu Pedro Pereira.

Desde o Concello de Porriño enténdese que a conservación dos parques empresariais non só é deber dos Concellos, “emprazo á Asociación de Empresarios das Gándaras a crear unha entidade urbanística de conservación para o mantemento e conservación dos espazos públicos e servizos cos que conta o polígono. O Concello comprométese a asinar un convenio de colaboración para financiar ao 50% as actuacións necesarias” concluíu Pereira.

blogs.apeneira.com/lourinha/2009/10/pedro-pereira-reclama-da-asociacion-de-empresarios-das-gandaras-maior-compromiso-para-conservar-en-bo-estado-o-parque-empresarial

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss