A Consellería de Economía e Industria, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e a Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape) acordaron hoxe a posta en marcha dun plan piloto para fomentar o uso da enerxía fotovoltaica nas cubertas das naves dos parques empresariais da provincia de Pontevedra, un proxecto que posteriormente se estenderá ao resto da Comunidade Autónoma e será financiado pola Xunta con 191.000 euros.

Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Industria Enerxía e Minas; José Manuel Fernández Alvariño, presidente da CEP; e Luis Fernández Ruenes, presidente da Fegape, asinaron hoxe en Vigo un convenio de colaboración que ten por obxecto a pioneira realización dunhas análises para fomentar o uso da enerxía fotovoltaica nos parques empresariais da provincia, como un instrumento de apoio ás empresas en materia de información e coñecemento desta enerxía. O proxecto estenderá os seus beneficios aos restantes parques empresariais de Galicia a través dun plan conxunto que se desenvolverá coa Federación Galega de Parques Empresariais.

Este acordo é unha das actuacións da Consellería de Economía e Industria a prol do desenvolvemento das enerxías renovables na sociedade galega en xeral, e dun xeito especial, pola integración das mesmas no eido empresarial, nun contexto socioeconómico no que cómpre apoiar ao tecido produtivo galego na posta en marcha de iniciativas que faciliten o uso e coñecemento das enerxías renovables e, dentro destas, da enerxía fotovoltaica, xa que os cambios enerxéticos incrementan a complexidade e velocidade das modificacións no entorno de traballo, facéndose evidente a necesidade de fomentar un tecido empresarial experto no aproveitamento das novas formas de enerxía como factor diferencial.

Ao abeiro deste convenio, realizaranse unhas análises nos parques empresariais da provincia de Pontevedra, coa finalidade de facilitar unha información o suficientemente ampla para cubrir as necesidades de coñecemento das empresas dos parques empresariais neste eido, mediante un conxunto de actividades que responden á preocupación da Xunta de Galicia por establecer un sistema enerxético compatible coa preservación do medioambiente e por potenciar as políticas de aforro enerxético e de fomento das enerxías renovables, á vez que poden servir de motivación para un cambio de hábitos enerxéticos favorable á economía das empresas.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria, a Confederación Provincial de Empresarios de Pontevedra e a Federación Galega de Parques Empresariais promoven actuacións que fomentan o desenvolvemento da enerxía fotovoltaica para acadar un efecto positivo de arrastre e tracción sobre o tecido empresarial galego nun sector tan estratéxico como é o enerxético.
novas.xunta.es/node/16962
Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss