A Xunta de Galicia da hoxe un paso adiante máis para a posta en servizo do parque empresarial de A Veigadaña, no concello de Mos, coa publicación no Diario Oficial de Galicia de onte da resolución pola que se fixan os días 21 e 22 de xaneiro de 2010 para a sinatura de actas de pago e ocupación das fincas necesarias para a execución das obras dos accesos ao parque empresarial da Veigadaña, que é o único obstáculo para a posta en servizo de dito parque. O expediente de expropiación prevé a ocupación de arredor de 40.000 metros cadrados, cun custe de 402.717,30 euros, que se sumarán aos 7.398.344,71 euros que se investirán na construción dos accesos. Prevese que o parque empresarial quede operativo no mes de xullo de 2010.

 

Modificación do proxecto sectorial

Para poder aprobar definitivamente o proxecto de expropiación que permitirá a execución das obras pendentes foi necesario previamente aprobar a modificación do proxecto sectorial e proxecto de urbanización. Ambos documentos foron aprobados polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 19 de novembro. En moi pouco tempo o goberno actual foi capaz de buscar unha solución aos problemas dos accesos ao parque empresarial de Mos, redactar, tramitar e modificar o planeamento e aprobar o expediente de expropiación, o que contrasta coa deixadez da anterior Consellería de Vivenda, incapaz de solucionar o problema dos accesos ao parque empresarial.

A anterior Consellería de Vivenda e Solo e os responsables de Xestur Pontevedra durante o bipartito non se ocuparon dos accesos ao parque empresarial de Mos, de maneira que o parque se atopa rematado hai meses pero sen posibilidades de poñelo en servizo polas dificultades de aceso ao mesmo. Foi a actual administración a que tivo que ocuparse de buscar unha solución ao problema.

A modificación do proxecto sectorial e do proxecto de urbanización permitirá construír os accesos ao parque empresarial a través da estrada N-500, que conecta coa autovía A-52 a uns dous quilómetros do parque. A alternativa a este enlace era o tránsito por unha estrada local sen capacidade para asumir o tráfico xerado polas industrias que se instalarán no parque empresarial e ademais provocaría unha importante afección dos núcleos de poboación próximos, que terían que soportar un elevado tráfico de vehículos pesados, co conseguinte incremento de contaminación acústica e atmosférica.

49 millóns de euros

O investimento realizado pola empresa pública Xestur Pontevedra neste parque empresarial acadará os 49 millóns de euros cando se rematen os accesos. Na actualidade so queda por executar un investimento de seis millóns de euros, que corresponden integramente aos accesos pendentes. Na actualidade está reservado arredor do 70 por cento do solo industrial do parque empresarial e estase a proceder á venda das parcelas, unha vez que se obtivo a licenza de reparcelación.

77 hectáreas

O parque empresarial de Mos ocupa unha superficie total de 776.023 metros cadrados, dos que corresponden a uso industrial 393.239 metros cadrados. A distribución total da superficie do parque empresarial é a seguinte:


SUPERFICIE METROS CADRADOS
Industrial, comercial e de uso terciario 393.239,00
Equipamentos 17.618,00
Espazos libres e zonas verdes 296.417,00
Viario e aparcamentos 64.980,00
Outras 3.769,00
TOTAL 776.023,00

 

Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss