O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, e o presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), Luis Fernández Ruenes, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que estes dous organismos levarán adiante un proxecto piloto consistente en potenciar a eficiencia enerxética nos polígonos industrias galegos. Trátase dunha actuación de promoción do aforro e da eficiencia enerxética no sector empresarial que o Inega, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, desenvolve en colaboración co IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) e mediante a que subvenciona, a fondo perdido, actuacións tendentes a incentivar o uso racional da enerxía nos parques empresariais englobados na devandita Federación, a única destas características existente en Galicia, que dá cabida a 24 entidades representativas de polígonos e que aglutinan a 40 parques empresariais, representando o 95% das asociacións de empresarios de Galicia.

O convenio, para o que o Inega achegará un total de 201.847,50 euros e Fegape os fondos adicionais necesarios para a súa execución, abrangue a implantación de medidas experimentais e pioneiras de aforro e eficiencia enerxética no sector empresarial que leven consigo unha alternativa limpa e racional no uso da enerxía, medidas necesarias nun contexto desfavorable como o actual, e que axudarán a unha mellora das condicións medio ambientais.

Optimización enerxética

Entre o abano de actuacións que contempla o convenio tendentes a incrementar o uso racional da enerxía nos polígonos industriais atópase a realización de auditorías enerxéticas en industrias. A Fegape encargarase de realizar estudos para a mellora da eficiencia enerxética en 25 industriais manufactureiras situadas nos parques empresariais incluídos nesa Federación. Esta actuación terá un orzamento de 144.286 euros, do que o 75% correrá a cargo do Instituto Enerxético de Galicia e o restante 25% deberá ser asumido ben pola industria auditada ou ben pola propia Federación.

Cada estudo de optimización enerxética analizará o proceso produtivo da empresa e deberá propoñer medidas de redución do consumo enerxético. A análise poderá ser integral ou limitada aos procesos e sistema de maior demanda enerxética. Ademais os seus resultados deberán estar dispoñibles na páxina web do Inega, www.inega.es.

A Fegape entregaralle ao Inega copias das auditorías, o seu custo e un informe resumo coas accións propostas en cada estudo e a súa viabilidade: investimento necesario, aforro enerxético e económico derivado das medidas, etc.

Plan de mobilidade en polígonos

A realización dun plan de mobilidade en 4 polígonos industriais, elixidos a proposta de Fegape, constitúe outra das actuacións a desenvolver a través deste convenio. Este plan de transporte ten como pretensión cambiar o modo de desprazamento das persoas ao lugar de traballo, así como promover medios de transporte colectivos máis eficientes.

O estudo levarase a cabo na Comunidade de Propietarios de Pocomaco (A Coruña), na Asociación de Empresarios As Gándaras (Porriño), na Asociación de Empresarios do Polígono Sete Pontes (Vilalba) e na Asociación de Empresarios do Polígono Industrial San Cibrao das Viñas (Ourense), que mobilizan no seu conxunto a 24.200 traballadores. Para esta actuación cun orzamento global de 156.055 euros, o Inega achegará o 60% do custo e o restante 40% deberá ser asumido polo polígono ou por Fegape.

Divulgación dos resultados das auditorías

A Fegape encargarase de contactar con outras industrias para informalas das melloras que se detectaron nas auditorías das empresas do seu sector. Así mesmo comprométese a facer figurar a imaxe corporativa do Inega e do IDAE en toda a documentación que requira o desenvolvemento do devandito convenio.

Cuantificación do aforro enerxético

O convenio tamén establece que a Federación Galega de Parques Empresariais lle entregará ao Instituto Enerxético de Galicia un informe de todas as actuacións realizadas dentro do obxecto do convenio, no que se indique o investimento de cada unha delas e o aforro enerxético que se acadará con cada unha das actuacións levadas a cabo. Todas as medidas de aforro e eficiencia enerxética contempladas no convenio deberán estar executadas antes do 30 de agosto de 2010.


xunta.es/actualidade?content=/Portal-Web/Contidos/Novas/nova_estandar1660.html
Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss