Os tres partidos con representación na Cámara apostan por profesionais afíns á súa liña política, militantes e ex altos cargos para renovar os órganos de goberno das dúas caixas galegas.
Así o certifican as propostas rexistradas este venres no Parlamento de acordo cos prazos que estipula a nova Lei de Caixas de Galiza, malia que un recurso do Goberno central, que pediu por vía urxente un ditame sobre a constitucionalidade desta norma ao Consello de Estado, paralizaría a renovación das súas asembleas.

Con todo, en cumprimento da reforma lexislativa -apoiada por PPdeG e BNG- os tres partidos designaron as persoas chamadas a asumir a función de conselleiros nas dúas entidades de aforro, optando por un perfil similar, no que se combina a experiencia profesional e a orientación política.

Na súa proposta para Caixa Galicia o PP inclúe o profesor de Dereito Domingo Bello Janeiro e á decana da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Teresa Cancelo, que xa soara para formar parte das listas do PPdeG nas autonómicas. Tamén figuran economistas como Camilo Prado Freire e empresarios como Emilio Pérez Nieto, que foi voceiro da patronal galega.

O ex alcalde e responsable local do PP de Santa Camba, Xosé Toxa Parajó, tamén figura na lista de futuros conselleiros, ao igual que Serxio López García, Carme Carballo, Xosé Antonio Rojo Fernández, Luis Fernández Ruenes, Xosé Sierra Fernández, Ana María Fernández Gómez, Xosé Rilo Dopico, Loreto Fernández Fernández, Álvaro Concheiro Varela, Emilio Sande Martínez, Pedro Corredoira Isasi, Miguel Ánxo Caamaño Aniño, Martín Fernández Prado, Xosé Ramón Amor Pan, Marta Gutiérrez e Xosé Manuel Chousa Vázquez.

Xunto aos 21 representantes que o PP propón para Caixa Galicia, presenta outros 16 nomes para Caixanova, entre os que se atopan ex altos cargos do Goberno de Manuel Fraga como Xurxo González Gurriarán, que foi director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) nos 90, ou Xaquín Macías Sánchez, ex delegado provincial da consellaría de Asuntos Sociais en Pontevedra e agora presidente da comisión de sanidade na xunta directiva do PP vigués.

Da xunta directiva do partido en Vigo forma parte igualmente Santiago Varela Vidal, que tamén figura na proposta rexistrada este venres, xunto con Marcelo Castro Rial, Ramón Carral Iglesias, Bernardo Quintanilla, Feliciano Nogueira Vidal, Irene Garrido Valenzuela, Ramón Fernández Tapias, Henrique Domínguez Lino, Francisco Felipe Montes Ochoa, Benito Iglesias Padrón, César Real Rodríguez, Carlos Mantilla, Beatriz González-Tejada Jácome e Miguel Ángel Bouza López.

A proposta do PSdeG

En canto ó PSdeG, a súa proposta para o centro de decisión de Caixa Galicia nútrese da ex directora xeral de Xustiza Begoña Santos; os ex presidentes da Autoridade Portuaria da Coruña e Ferrol Xacinto Parga e Amable Dopico, respectivamente; e a ex directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Ana Fernández Pulpeiro.

A maiores, entre os 13 nomes que ocuparán un posto no renovado consello de administración da caixa coruñesa, atópase o dos ex concelleiros en Santiago Esther Fontán e Francisco Candela; o ex xerente da Área Sanitaria de Ferrol Xosé Ramón García López; e o actual director do departamento municipal de Servizos Sociais da Coruña, Santiago Porta.

Ademais, inclúese unha profesora da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, María Luísa del Río; e o presidente da Asociación Centro Comercial Urbano de Monforte de Lemos, Ovidio Pérez Reñones. A lista péchase coa secretaria executiva do PSdeG da Coruña, Belén de la Fuente; a secretaria executiva do PSdeG de O Incio, Pilar Saavedra; e o "histórico militante" lucense Miguel Vázquez.

Pola súa banda, os once membros que os socialistas proporán para a dirección de Caixanova son o secretario da Federación Galega de Parques Empresariais e xerente da Asociación de Empresarios de Porriño, David Sobral; e o vicerreitor da Universidade de Vigo (Uvigo) no Campus de Ourense, Xoán Francisco Gálvez.

Outro profesor da Uvigo na Facultade de Económicas, Baltasar Manzano, que fora membro do gabinete do ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, está chamado a xogar un posto importante no órganos de dirección da caixa viguesa; así como o decano do Colexio de Avogados de Ourense, Arturo González, que goza da confianza do secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez.

Tamén se inclúen a ex concelleira da Illa Lucinda Diz; unha física que forma parte do proxecto Al Gore contra o Cambio Climático, Susana Baio Besteiro; a avogada pontevedresa Margarita Adrio; a médica de Baiona Mercedes Castro Mouzo; o economista César Martínez; o publicista Xoán Carlos Martínez; e a funcionaria do Sergas Xesusa Rodríguez Castro.

O equipo do BNG

Pola súa banda, o BNG recolle na súa proposta de seis nomes para a asemblea xeral de Caixa Galicia o ex deputado autonómico Fernando Blanco Parga; a técnica en mercadotecnia e dirección de empresas Helena Rial Barreiro, e a catro ex altos cargos do bipartito.

Trátase do profesor titular de Ciencias Económicas da Universidade da Coruña, Anxo Ramón Calvo, que exerceu como director xeral de Industria entre 2005 e 2009, o ex secretario xeral de Innovación e Industria Emilio Nogueira, o ex secretario xeral da Consellería de Medio Rural co bipartito, Alberte Souto, e Xulia Guntín Araúxo, subdirectora xeral do Plan Galego de Innovación entre 2006 e 2009.

Os cinco representantes do BNG en Caixanova serán Manuel González e Manuel Martínez, que xa foron conselleiros da entidade por proposta do Concello de Vigo, o avogado Xosé Ramón González, a profesora da Facultade de Ciencias Empresariais da Universidade de Vigo Ana Gueimonde e a que foi delegada provincial da Consellaría de Cultura entre 2005 e 2009, María Xesús López Escudero.

"É un equipo perfecto e capaz", resumiu o voceiro do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, convencido de que a proposta nacionalista evidencia que a formación toma en serio e pon os mellores para traballar "na construción dunha nova gran caixa galega", apuntou en relación á fusión entre Caixa Galicia e Caixanova.


anosaterra.org/nova/40847/militantes-ex-altos-cargos-e-profesionais-afins-.html
Federación Galega de Parques Empresariais Centro de Servicios de A Granxa, 1º, oficina 3. 36400 PORRIÑO (Pontevedra) Teléfono: 986 33 92 48. Fax: 986 33 46 89 E-mail: info@fegape.org
Copyright © 2010 - Aviso legal
rss